O Caderno do Ghato

Non prometo nada.

Categoría: Galego

As caricias sábenme azul

Aínda non teño o diagnóstico do médico, pero estou segura de que o meu é sinestesia. Non pode chamarse enfermidade porque os sinestésicos facemos vida normal, trátase dun simple desarranxo dos sentidos, un cruce de sinais: a estimulación dun sentido corporal percíbese tamén noutro. Hai quen escoita aromas, outros saborean metais só con mencionalos, ven os números dunha cor distinta cada un, cheiran os nomes da xente ou senten a música de jazz como unha lufada de vento nas pernas. Disque hai moitas persoas que teñen esa sensibilidade pero non son conscientes dela. Pensan que é o habitual, non se consideran especiais.
Algo máis común é a capacidade para mesturar sensacións físicas con emocións. Sen comprender por que, a sabedoría popular rectifica os nomes impostos arbitrariamente recuperando os auténticos. Deben cheirar distinto, como descolocados. Os alcumes non son outra cousa que actos de reequilibrio onomástico. Ben cativa era eu cando cheguei a Galicia co meu nome oficial, Eva, doado de lembrar e pronunciar. Pero a maxia sinestésica do pobo axiña descubriu que algo non funcionaba e cambioumo. Eu son “Catiusca”, desde aquela así me chaman todos con gran satisfacción e cariño. Cada quen sentirá distintos impulsos sensoriais co nomeCatiusca, pero seguro que coinciden en que é o que mellor me vai, porque é o meu.
Non sei como chamar a esa sinestesia colectiva, espontánea, coa que están todos de acordo. Vouna chamar “aquelada” que me resulta un adxectivo bastante axeitado, recendente e saboroso. Atención, a seguinte frase non se colle ben sen enchouparse de sinestesia aquelada:

HAI MUNDOS QUE EXISTEN UNICAMENTE EN GALEGO

Noutros idiomas serían vida sen tempo ou sinfonías sen aire, puro desacougo. Os científicos chaman catalizador á substancia que activa unha reacción química. A lingua galega é o catalizador máxico de mundos auténticos, de experiencias físicas, de realidades patentes. Seino porque non son a única con sinestesia aquelada, somos numerosos os que recibimos impresións externas das palabras. Roces suaves e bicos profundos.

A explicación parece complicada, pero seguro que hai xente abondo que sabe de que falo. Hai centos de exemplos. O termo “carballeira” remóvenos os cinco sentidos, un por un, con estímulos perfectamente identificables, fisiolóxicos, concretos. Nada que ver con “robledal” nin con “oak grove” por moito que signifiquen o mesmo. “Carballeira” cheira distinto, ten sabor propio , soa peculiar, loce unha imaxe característica e ofrece unha sensación epidérmica precisa.

Unha soa palabra é capaz de remover a consciencia porque, ademais da invasión íntima e directa, leva outra resonancia evocadora que se propaga e multiplica sen límites. Coa carballeira chega o aturuxo, a brétema, o agarimo dun amor, a filloa da avoa, a herba mollada, sentidos desbordados e verbas amigas loitando por desencadear as mellores reaccións inesquecibles na alma.

Cada palabra é un mundo, cada lingua un universo rico en experiencias que non se poden traducir porque son únicas. O mellor de todo é que do celme destas combinacións harmónicas nace un vínculo inmortal que nos fai vivir a algúns dun xeito común. Sinto que comparto moito contigo.

Estás a ler galego, así que ti es dos meus.
Eva Wojkiewicz.
(Este artigo de Eva Wojkiewicz foi publicado orixinalmente no xa extinto “Xornal” o 25 de febreiro do 2010).
Advertisements

San Martiño!

“Ghústanme os porcos. Os cans miran pra nós ademirados. Os ghatos mírannos con desprezo. Os porcos trátannos coma iguais.”

[Winston Churchill]

“Puerco” [Montserrat Luna, 2011]

Ninguén

Se vives só e ingresas menos de 7.533,3 €/ano,

BENVIDO!! ERES POBRE!

(Enquisa de condicións de vida do INE, publicade hoxe)

Si sodes dous ou máis, fai contas, que igual tamén eres pobre, pero acompañado.

O 26,8 % dos fogares galegos non pode facer fronte a gastos imprevistos, e o 5 % leva retrasos nos pagos da vivenda (aluguer, hipoteca, luz, auga, telf…) , eso sí, os tres datos que dá o INE na nota de prensa sobre “dificultades económicas” son estes dous e… Irse de vacacións fora da casa unha semana ó ano!

O 21,8% de 45.957.671 españois = 10.018.772 pobres.

Hai uns días, unha amiga contábame que escoitou na rúa este anaco de conversa (encántanme os anacos de conversa, son unha chispa para a imaxinación):
Nena: -“Abuela, ¿Somos pobres?”
Avoa. – “Só económicamente.”

4.226.744 son parados –out. 2001– (ou non, que digo eu que tamén haberá parados ricos coma os de NCG) e os outros cinco millóns e pico somos simplemente neo-escravos, ou directamente xente invisible, que non existe…

%d bloggers like this: